CRTVG

Buscar

'As miradas de Isaac', unha mostra que conmemora os cen anos de Díaz Pardo

Publicado o 06/11/2020 15:37

Acaba de inaugurarse na Cidade da Cultura a exposición As miradas de Isaac, unha mostra para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

Díaz Pardo foi un home polifacético que en 1936 perdeu o seu pai pola represión fascista, acontecemento que "marcou" a súa vida, como aseguran os seus fillos Xosé e Camilo Díaz Airas de Castro, e que o levou mesmo a regresar de Madrid cando lle ofreceron pintar as cúpulas do Val dos Caídos en plena ditadura franquista.

O intelectual galeguista, que collera "fama" como pintor a finais dos anos 40 en Madrid, onde estudou Belas Artes, atopábase nun momento álxido da súa profesión en que "vendía" todas as obras que creaba.

Algunhas delas pódense visitar xunto a máis de 200 pezas incluída unha audiovisual no Centro Museo Gaiás desde este venres 6 de novembro ata o próximo 4 de abril, nun momento de restricións derivadas da pandemia do coronavirus e que levaron o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a lamentar na inauguración da mostra que este sexa o contexto en que arrinca a exposición.

De feito, Feijóo, que cualificou estes tempos de "durísimos", aínda que máis o foron, dixo, os que lle "tocou" vivir a Isaac Díaz Pardo, nacido en 1920, comprometeuse a estudar a maneira de alongar a exposición ou volver reeditala posteriormente.

Visitas guiadas

Na mostra haberá visitas guiadas para conviventes cuxa cita previa pode solicitarse na web do Museo Centro Gaiás.

A exposición conta cun espazo central vertebrador das súas diferentes seccións, cun espazo audiovisual realizado por Cecilia Díaz e Jordi Cussó e no que, a través de fragmentos de entrevistas de arquivo, vaise debullando a vida e pensamento de Isaac Díaz Pardo.

Para mostrar o rico mundo heteroxéneo do que Díaz Pardo fixo gala e conseguir que o visitante capte a esencia deste "complexo universo diazpardiano", proponse un deseño expositivo que secciona en dez apartados a súa vida e obra, lentamente, o macrocosmos que foi a súa peripecia vital, como explicou un dos seus fillos e comisario, Xosé Díaz.

Dez pezas clave

Ao longo dos corredores do museo, os visitantes poderán atopar o asento antropomórfico de Sargadelos.

Díaz Pardo, xunto a Xosé Bar Bóo e Alejandro da Sota foron pioneiros no deseño do moble contemporáneo. A cadeira antropomórfica é unha proba disto.

Ademais, a mostra contén dez pezas clave: o tríptico Dous homes de Brigantina, un autorretrato, a peza pictórica Os afogados, o libro Galicia Hoy, o tríptico A nave espacial, unha peza escultórica feita por Jorge Oteiza, a peza Saturno devorando aos seus fillos, as máscaras para a obra Os vellos non deben de namorarse, as mencionadas mesa e cadeiras antropomórficas e as dúas primeiras publicacións de Edicións do Castro: Meco e El toro júbilo de Luís Seoane.

Noticias web

06/11/2020