As medidas afectarán unhas 70.000 persoas de catorce municipios
O rebrote da covid-19 da Mariña ten arestora 99 casos activos e 7 curados. Sanidade endurece por prevención as medidas na costa lucense para evitar a expansión do brote.
Por iso durante cinco días quedan limitadas as entradas e saídas á costa lucense. A media entrará en vigor ás 12 desta noite e afecta aos 14 municipios que conforman o distrito sanitario da Mariña. Só se poderá entrar en saír da comarca por motivos de traballo xustificados.
A mobilidade interna mantense entre todos os concellos da Mariña, aínda que se recomenda á poboación evitar os desprazamentos que non sexa imprescindibles.
Limítanse as reunións a un máximo de 10 persoas e a ocupación dos locais ao 50%, a barra do bar volve estar prohibida e establécense horarios de peche para a hostalería. O uso da máscara será obrigatorio desde que se sae da casa, mesmo para ir á praia ou á piscina. Os exames de acceso á universidade que se van celebrar en Viveiro mantéñense con todas as medidas de seguridade.
Sanidade pide a colaboración de toda a poboación para conseguir cercar canto antes todos os contactos dos positivos e controlar o rebrote, tal e como se fixo hai semanas en Ribeira.
No caso da Mariña, a maioría dos contaxiados son mozos asintomáticos. Só hai 4 perosas hospitalizadas en planta e ningunha en UCI. Non hai ningún positivo nas residencias de maiores. Os equipos de rastrexo fixeron xa máis de 2.300 probas PCR e van continuar nos próximos días ata que se acade unha situación de normalidade epidemiolóxica.