CRTVG

Buscar

As máximas rozan xa os 40 graos na maior parte de España pola vaga de calor

Publicado o 11/08/2021 15:09

Estamos no primeiro día da vaga de calor e en Madrid xa non refresca nin pola noite. As mínimas non baixan dos 20, 25 graos e onde domina o asfalto nin iso. E polo día van camiño dos 40, así que non queda outra que buscar o fresco como sexa.

"Con ventiladores, con aire acondicionado ou co que se poida" "A esta hora e xa está o corpo empapado", din dous veciños de Madrid. 

En Andalucía e en todo o sueste peninsular están nas mesmas. "Na casa e na piscina e co aire acondicionado, non queda outra", "E refuxiarse da calor", din duas vecñas de Xaén. "Intentar non saír nas horas centrais do día, que aquí en Xaén sería das 12 da mañá ás sete da tarde", recomenda Dori Alba, enfermeira dun centro de sáude de Xaén.

Esta recomendación haberá que tela especialmente presente a partir de mañá, porque a calor irá a máis ata o domingo e notarase tamén en zonas do norte, como Navarra. "Criminal! A xente de aquí de Pamplona non está afeita a 35-37 graos...". "Para a calor de Barcelona, para nós aínda estamos ben".

Tan só se librará desta canícula o litoral galego e a zona costeira das comunidades cantábricas, que está notando a chegada dos que buscan o fresco. Ante o risco que supón a persistencia de altas temperaturas, o Goberno central di estar preparado por se hai incendios e pide que todo o mundo extreme as precaucións.

Noticias web

11/08/2021