As máscaras cirúrxicas custan desde hoxe un máximo de 72 céntimos
O Goberno aproba ademais a rebaixa do IVE, que reducirá outro 17 % o prezo
Desde hoxe baixa o prezo das máscaras cirúrxicas a un máximo de 72 céntimos de euro cada unha, un abaratamento de 24 céntimos que será maior cando o Goberno aprobe, na súa xuntanza de hoxe, a baixada do IVE deste produto. De feito, a redución do IVE deste produto de uso obrigatorio desde o 21 por cento actual ata o 4 por cento previsto poderá deixar o prezo máximo en 61 céntimos.
É a segunda vez que o Goberno reduce o prezo máximo das máscaras hixiénicas desde que comezou a pandemia de coronavirus. Ata hoxe estaba fixado en 96 céntimos, aínda que en moitos establecementos venden lotes máis baratos.
A rebaixa do IVE será desde o 21 % actual ata o 4 por cento e afectará non só as máscaras hixiénicas, senón o resto das que se comercializan. Pero nas hixiénicas, as máis consumidas pola poboación, o aforro que podería supor por persoa cada mes sería duns 22 euros; 88 euros para unha familia de catro membros cada mes que, anualmente, serían máis de 1.000 euros de aforro.