As mareas de Ferrol, divididas en tres listas para as municipais
Podemos desmárcase de Ferrol en Común. Non se integrará na candidatura do alcalde Jorge Suárez, pero tampouco competirá contra el cunha lista alternativa.
"Podemos tiña que sentirse representado e cómodo, pero non se deron as condicións", asegurou o secretario xeral de Podemos Ferrol.
Pero o alcalde está convencido de que aínda que de xeito colectivo adoptaran esta decisión, os integrantes de Podemos apoiarán e participarán na campaña das municipais con Ferrol en Común.
Tampouco irá na candidatura do actual alcalde a xente de En Marea. Sumaranse á lista da Marea de Ferrol. Luis Villares di que é consecuencia da fractura con Podemos e Esquerda Unida, da que responsabiliza os que toman as decisións desde Madrid.
"Lamentámola pero, en todo caso, traballamos activamente con quen quere traballar con nós. O espazo en que hoxe nos referenciamos con plenitude de identificación e de simpatía e coa Marea de Ferrol, sen que iso supoña que outras forzas políticas que concorran as eleccións sexan forzas adversas. É máis, aspiramos a compoñer maiorías postelectorais", afirmaba o líder de En Marea.
Ademais de Ferrol en Común e da Marea de Ferrol tamén se presenta as municipais na cidade departamental Xuntos Actúa, encabezada polo ex-líder de Ferrol en Común Carlos del Río.