CRTVG

Buscar

As librarías resisten a crise derivada da covid

Publicado o 05/02/2021 14:27

En época de confinamentos e distanciamento social, os libros consolídanse como alternativa de ocio. Mentres moitos comercios naufragan baixo o peso da crise da covid, as librarías manteñen e mesmo melloran o seu negocio.

Non podemos traspasar fronteiras, pero podemos viaxar coa imaxinación.

Desde o sofá, á luz dunha ventá, os libros transpórtannos a outros lugares, a outras vidas e a outras normalidades, sen máscaras e sen barreiras.

"Achégache ilusión, horizontes, vida...".

O primeiro confinamento colleunos desprevidos, sen recursos, pero as librarías empezaron pronto a notar os seus efectos.

Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías de Galicia: "Sobre todo notabamos que a xente non mercaba un libro, senón que mercaban máis dun, dous tres... facendo acopio de material por se volvía pasar o mesmo".

A novela, en especial xénero policial e a intriga, é o máis demandado. Tamén literatura infantil e xuvenil e libros evocadores que nos trasladen a paisaxes remotas ou familiares.

"Si, coñecer sitios, paisaxes, sobre todo de Galicia, ambientado na Ribeira Sacra, unha pasada".

Así e todo, non son alleos aos efectos da crise. A campaña escolar, din os libreiros, foi bastante frouxa, con escasa renovación de material, e tamén padecen os peches perimetrais.

José Ramón Martínez Blanco, libreiro: "Moita clientela dos arredores non pode vir, co peche perimetral nótase moito. Se non, non sei se é a cultura, que volve ter peso neste país...".

A diversificación axúdalles tamén a cadrar contas. Papelería, manualidades e os xogos de mesa recuperaron espazo doméstico durante o confinamento.

Noticias web

05/02/2021