CRTVG

Buscar

As inundacións en Europa seguen sumando mortos e buscan desaparecidos

Publicado o 18/07/2021 14:02

O perigo de enchentes remitiu no oeste de Alemaña, onde desde onte non houbo precipitacións importantes. Todos se afanan nos labores de limpeza e desentullo. Hai moito que recoller e reconstruír.

Un home explica que a súa casa se inundou por completo, que todo quedou estragado e cheo de lama. Non sabe canto lle levará devolvela ao seu estado orixinal.
Algúns aínda están pendentes de que despexen as estradas para achegarse ás súas propiedades e saber ata que punto quedaron danadas. É o caso deste home que di que é o desastre do século, sen precedentes.

A cifra de mortos non deixa de aumentar e aínda queda xente desaparecida.
Ademais o país teme que os ríos reborden agora no leste e no sur, onde levan días de chuvia persistente. Nunha poboación da Alta Baviera xa se notificou unha vítima mortal.
Bélxica vai pedir a activación do fondo de solidariedade da Unión Europea para facer fronte aos moitos danos que tamén deixaron as inundacións alí. Un afectado agradece o apoio que están recibindo de voluntarios para limpar, á falta de axuda oficial. Outro explica que o perderon todo pero que non queda outra que ser positivos, reconstruír o estragado e saír para adiante.

Bélxica contabilizou preto dunha trintena de mortos e segue á busca de máis dun cento de desaparecidos.

As riadas chegaron nas últimas horas tamén a Austria, onde un regato baixou convertido en río polas rúas de Hallein, en Salzburgo.

Noticias web

18/07/2021