CRTVG

Buscar

As inundacións deixan xa máis de 160 mortos en Alemaña e 31 en Bélxica

Publicado o 19/07/2021 13:49

As chuvias deron unha pequena tregua nas zonas de Alemaña máis devastadas polas inundacións de hai cinco días. As autoridades elevaron a máis de 160 as vítimas mortais nos estados máis afectados e Merkel pide maior rapidez na loita contra o cambio climático.

Segue a busca dos varios centos de persoas das que non se volveu saber nada desde que hai xa cinco días a auga levara por diante case todo o que atopou ao seu paso.

O número de vítimas mortais elevouse nas últimas horas a máis de 160 nos dous estados máis castigados polas inundacións: o de Renania do Norte Westfalia e Renania Palatinado.

Os equipos de emerxencia tratan de restablecer os servizos básicos, mentres centos de damnificados e voluntarios seguen traballando nos labores de desentullo, aproveitando a pequena tregua que deu o tempo.

A auga acadou máis de un 1,60 metros de alto, asegura Sabine, que lembra ver corpos flotando na auga e moita xente refuxiada nos tellados das súas casas.

A chanceler Angela Merkel dixo que había que actuar con máis rapidez contra a crise climática logo de visitar algúns dos lugares máis castigados e mostrarse conmocionada polo que acababa de ver.

Mentres, en Bélxica, o outro país máis golpeado polo temporal, a policía elevou a 31 as persoas mortas por unhas inundacións que esta fin de semana sacudiron tamén algunhas partes de Austria, onde a enchente de varios ríos fai que se manteña a situación de alerta.

Noticias web

19/07/2021