A intensa chuvia que caeu provocou o desbordamento do río Bañobre
As intensas chuvias que caeron durante a noite provocaron o desbordamento do río Bañobre. A estrada que comunica os veciños de Bañobre con Betanzos e A Coruña está cortada. Pero, amais, a noite veu cargada dunha morea de inundacións, arrastres de terra e caídas de árbores.
Na zona do noroeste e no interior da Coruña houbo importantes precipitacións. Nas últimas horas acumuláronse 60 litros por metro cadrado nunha hora que deixaron un regueiro de incidencias como o desbordamento do río Bañobre en Miño. Ante as previsións das fortes chuvias, desde o Concello prepararon un dispositivo especial que traballou arreo durante toda a noite.
Na Coruña, pecharon os accesos aos areais urbanos. E é que o mar de fondo foi gañando protagonismo ao longo da mañá. E así seguirá, polo que ás seis da tarde o aviso amarelo subirá a laranxa con ondas de entre os 5 e 7 metros de altura.
De cara á fin de semana notarase unha pequena melloría. As chuvias irán remitindo, pero non por moito tempo. O domingo á noite volven as fortes precipitacións.