CRTVG

Buscar

As hospitalizacións por covid baixan das 100 por primeira vez en nove meses

Publicado o 04/06/2021 10:10

• Os casos soben só na área sanitaria de Ourense

• Permanecen nas UCI 15 persoas, a cifra máis baixa dende o 2 de setembro

As hospitalizacións por covid baixan das 100 por primeira vez en nove meses

Importante mellora nos datos relativos á pandemia enn Galicia. Baixan os casos activos ata os 2.052, 104 menos ca onte, tras 91 novos positivos detectados. É a cifra máis baixa dende o 20 de agosto.

Por áreas sanitarias, a repartición sería a seguinte:

A Coruña: 356 (-1)

Ferrol: 114 (=)

Lugo: 250 (-19)

Ourense: 168 (+4)

Pontevedra: 250 (+3)

Santiago: 358 (-12)

Vigo: 574 (-61)

Alíviase a presión asistencial

No relativo aos hospitais, hai unha gran mellora na ocupación de camas de coidados intensivos. En total, hai hospitalizadas 98 persoas, a cifra máis baixa dende o 26 de agosto do ano pasado. Delas, 83 están en planta (-4) e 15 nas UCI (-5). Estas cifras en coidados intensivos non se vían dende o 2 de setembro do 2020.

"As vacinas son moi eficaces para evitar a enfermidade grave que che leve ao hospital ou a ingresar na UCI" di Pedro Rascado, intensivista do CHUS e membro do comité clínico, que engade "é o que nos está protexendo".

Son cifras baixas pero que non hai que celebrar. "É verdade que quince é mellor que 200 que tiñamos non hai tanto tempo" di Rascado, "pero son 15 doentes con risco de falecer".

Pide prudencia: "non nos descoidemos: seguimos contaxiándonos e segue habendo enfermos graves que entran na UCI". E lembra: hai que seguir protexendo os que aínda non están vacinados. "É certo que a evolución é positiva grazas ás vacinas, pero o virus segue circulando entre os que aínda non se puideron vacinar. A vacinación vai salvarnos, pero os non vacinados seguen en risco". Ao non estar vacinados, di que son tamén cada vez máis novos os doentes que ingresan con enfermidade grave na UCI.

Non todos son datos positivos. Onte o Sergas notificou o falecemento de dúas persoas de 59 e 69 anos por causa da covid−19 en Galicia. A cifra de vítimas da pandemia no país acada as 2.424 persoas.

Positividade no 2,27 %

A taxa de positividade aumenta lixeiramente. as 3.971 probas PCR realizadas (-1.208), deron positivo 90, o que deixa unha taxa de positividade do 2,27 %, aínda moi por debaixo do 5 % situado como limiar máximo pola OMS.

 

Mapa de incidencia por concellos