CRTVG

Buscar

As gravacións da rúa recollen o linchamento que sufriu Samuel

Publicado o 09/07/2021 16:17

As gravacións recollen o momento exacto en que Samuel e a súa amiga Lina abandonan o Pub Andén. Son as 2:56 da mañá. Os dous amigos camiñan uns metros e incian a videochamada. Enfronte un grupo de mozos que, segundo a versión das amigas de Samuel, interpretan que os están gravando. Achéganse a eles e aí prodúcese o primeiro ataque.

No video, que este venres publica ElDiario.es, non se pode chegar a contabilizar o número exacto de persoas que participan nesa primeira agresión pero si se aprecia o momento exacto en que Samuel recibe un golpe e cae por primeria vez ao chan. Son as 2:59 da mañá.

Segundo as testemuñas é aquí cando un mozo senegalés axuda a Samuel, ningúen máis intenta deter a agresión. O que vemos a continuación é o momento no que Samuel cruza a rúa só, xa sen a súa amiga Lina. Son as 3 e un minuto da mañá.

O grupo de mozos que o agrediu decide perseguilo e uns metros máis adiante acurrálano e comezan a golpealo ata a morte. Son as 3 e 3 minutos da mañá.

Só dous minutos despois chega ao lugar onde está tendido Samuel a policía local, a primeria en facelo. Ás 3 e cuarto, dez minutos despois da brutal malleira vemos achegarse á primeira ambulancia e ás 3:22 a segunda. Durante 41 minutos os sanitarios tratan de reanimar a Samuel. Ás 3:56 da mañá o mozo é trasladado ao hospital. Pese a todos os esforzos a malleira foi tan brutal que non puideron salvalo.
 

Noticias web

09/07/2021