As gasolineiras máis económicas de Galicia están en Bergondo
Encher o depósito de gasolina é hoxe 25 euros máis caro que hai un ano. Pero, con todo, hai diferenzas notables entre estacións de servizo nunha mesma vila ou cidade.
No caso da gasolina, o prezo máis alto atopámolo na cidade de Vigo, mentres que o máis barato está en Vilanova de Arousa. O gasóleo máis caro atopámolo en Vigo, que é a terceira cidade máis cara de España. O gasóleo máis barato está nunha estación de servizo de Bergondo.
A empregada da gasolineira de Cortiñán apenas ten un minuto para conversar con nós e corroborar o que xa estamos vendo. Non deixan de entrar coches. A estación de servizo está ben situada, entre A Coruña e Betanzos.
Pero para explicar este movemento continuo hai que mirar cara ao panel das tarifas. Ten os prezos de gasóleo máis económicos de toda a comunidade autónoma. Son os mesmos que os doutra gasolineira situada no mesmo municipio, pero no interior do polígono industrial, na que ademais tamén podemos recargar a gasolina de 98 octanos máis barata.
Nas dúas estacións de servizo aumentou a clientela co incremento do importe dos carburantes.