CRTVG

Buscar

As garderías prepáranse para volver en setembro cun protocolo COVID 0-3

Publicado o 30/07/2020 15:10

O protocolo para as escolas infantís pretende combinar as medidas de prevención e hixiene coas necesidades afectivas e relacionais que teñen os cativos e xa pode consultarse nun código QR que está ás portas das escolas infantís.

Os nenos incorpóranse en setembro a ese reencontro cos profesores e cos compañeiros e farano dun xeito un pouco especial: reducirase, por exemplo, o tamaño dos grupos de xogo e haberá medidas para a roupa e a comida que tamén van requirir da colaboración dos pais. 

Daniel Fernández, o director desta Galiña Azul, explícanos que van graduar as entradas e as saídas dos nenos. Superado o vestíbulo, as familias volven para a casa coas chaquetas e os zapatos e só os nenos acceden ao interior.

As Escolas Infantís enfróntanse a partir do día 4 de setembro ao que probablemente sexa o curso máis difícil e o seu persoal apura os preparativos para deixar todo listo antes de marchar mañá de vacacións. Haberá un coidado especial coa roupa e, por suposto, extremarase a hixiene para compensar un distanciamento que non é posible para coidar dos meniños.

"Ao traballar con nenos tan pequenos o distanciamento é practicamente imposible entón temos que garantir a seguridade e a hixiene por outros medios. Conséguese a través de 'aulas burbulla', de xeito que os rapaces non van ter contacto con outros doutras aulas nin con outros materiais", explica Daniel.

Ao comedor irán por quendas, con desinfección de por medio. Primaranse as actividades no exterior e no patio estarán separados tamén por aulas. Se teñen máis 37 de febre, algo frecuente nestes idades, terán que ir para a casa. Un curso complicado que afrontarán co persoal actual e para o que non se descartan protocolos aínda máis estritos se a situación empeora.

Noticias web

30/07/2020