CRTVG

Buscar

As garantías dos produtos amplíanse de dous a tres anos

Publicado o 28/04/2021 21:17

A normativa aprobada polo Goberno que amplía a grantía dos produtos de dous a tres anos, supón, segundo as asociacións de consumidores, un paso máis na mellora dos seus dereitos básicos. Preténdese con ela o tránsito cara a unha economía máis sostible.

"Entendemos que é un paso máis na defensa dos consumidores na liña dunha economía circular e que sexa tamén máis respectuosa co medio ambiente propoñendo tamén outros modelos e outros sistemas produtivos", explica Ana Folgar, da xunta directiva de Adicae Galicia. 

Neste sentido, esta nova normativa de consumo enmárcase na loita contra a chamada obsolescencia programada.

"Iso supoxo para os consumidores que os produtos xa non eran de tanta calidade, xa non se deseñaban, nin se fabricaban coa mesma calidade que antigamente e iso redundaba nunha renovación constante. Era máis económico tirar ese aparello e renovalo que reparalo".

A normativa obriga os fabricantes a dispoñer de pezas de reposto durante unha década tras deixar de fabricar calquera artigo. Ata agora o prazo legal é de cinco anos.