As galletas mariñeiras da chantadina Daveiga, de novo no Financial Times
A empresa que elabora as galletas mariñeiras, a chantadina Daveiga, figura por segundo ano consecutivo na lista do Financial Times que recolle as mil firmas europeas de maior crecemento. No último lustro, multiplicou por cinco a súa produción, pasando de 1.300 quilos a cinco toneladas diarias. Ademais, pasou de 12 a 65 empregados.
Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga: "Para unha empresa familiar, situada no rural e monoproduto como é Daveiga, que está centrada exclusivamente na galleta mariñeira, realmente é un éxito. Fundamentalmente, apóiase na aceptación do produto no mercado. Nós sempre dicimos que non temos consumidores, senón militantes das mariñeiras."
As galletas mariñeiras son un pan seco cunha receita con séculos de antigüidade, que se remonta ás primeiras viaxes transoceánicas. A masa, que leveda durante horas antes da súa cocción, elabóranse cunha mestura de fariña forte e do país e mais manteiga ou aceite de oliva.
Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga: "Por un lado temos os ingredientes, os básicos da panadería tradicional, que son fariña de trigo, do país e forte, e mais aceite de oliva. Por outro, o proceso de amasado, que é lento, e mais a fermentación. É un proceso artesanal, que é o que lle dá as características finais ao produto."
A facturación de Daveiga tamén medrou exponencialmente, chegando no último ano aos 4.700.000 euros.