CRTVG

Buscar

As forzas de esquerda e nacionalistas, dispostas a entenderse para gobernar

Publicado o 30/06/2020 09:38

É a foto de familia dun debate que non se esquecerá. Un debate a 7 en plena era Covid marcado polas distancias de seguridade.

Con este cara a cara nesta casa, a campaña chegou a un dos puntos culminantes.

Despois de tres horas, unha conclusión destaca sobre calquera outra. 

As opcións do día 12 redúcense a dúas, un goberno de coalición con varios partidos, as enquisas din que tres, ou un goberno en solitario do Partido Popular.

As forzas de esquerda din que Galicia necesita afrontar o futuro con aire novo en San Caetano. 

Feijóo ofrece unidade e a experiencia na xestión para afrontar o reto da crise económica que nos vén. 

O debate deixounos claro que se non hai maioría do PP, varias forzas de esquerda e nacionalistas están dispostas a entenderse para formar un tripartito.

Gonzalo Caballero, PSdeG: "Sei que o 13 de xullo, cando haxa unha maioría de progreso en Galicia, contarei coas forzas progresistas para que haxa unha presidencia socialista en Galicia".

Antón Gómez-Reino, Galicia en Común-Anova Mareas: "Seguro que haberá unha maioría de esquerda cun goberno con compañeiros do partido socialista, do BNG e de Galicia en Común".

Pancho Casal, Marea Galeguista: "E que non haxa ningunha maioría absoluta. A Marea Galeguista garantiría un goberno de progreso".

Ricardo Morado, Vox: "Abráiame como se reparten as votacións antes de que se celebren as eleccións. Sempre me abraiou, en todos os debates que vin sempre pasa igual".

A candidata do BNG non quixo ser explícita sobre ese posible tripartito. Sí o foi sobre a pretensión de cambiar o noso estatuto e declarar a Galicia como nación.

Ana Pontón, BNG: "Aspiramos a superar o actual estatuto para que teñamos un novo marco que nos recoñeza como unha nación e que nos permita ter máis ferramentas para protexer a sociedade galega".

Ciudadanos reprochoulle ós socialistas que contemplen a posibilidade de ir da man dos nacionalistas.

Beatriz Pino, Ciudadanos: "Botado en brazos dos populistas e dos nacionalistas. Que queremos, señor Caballero, revivir ese bipartito con Anxo Quintana e Touriño?".

O candidato do Partido Popular advertiu sobre a pouca utilidade de votar a Ciudadanos nestas eleccións, dividindo o voto de centro. Apuntou tamén que Galicia necesita un goberno estable, e non experimentos.

Alberto Núñez Feijóo, PPdG: "Son 10 partidos que din que van gobernar Galicia para todos. Comprenderá que eu crea que isto non nos interesa en Galicia. A gran maioría dos galegos o que queren é entendemento, non enfrontamento. A maioría dos galegos o que queren é experiencia, e non experimentos. Eu o que propoño é unirnos".






 

 

 

 

Noticias web

30/06/2020