CRTVG

Buscar

As flores alfombrarán por primeira vez a apertura da Porta Santa

Publicado o 30/12/2020 21:18

12 asociacións integradas na Federación Galega de Alfombristas participaron na iniciativa

Unha alfombra de flores para abrir a Porta Santa do Xacobeo 2021. Para chegar a este motivo hai que estar organizados e ser coidadosos.

"Temos modelos, imos perfilando a parte de fóra e enchemos con flores, serraduras, cáscara de améndoa triturada... e imos enchendo", comenta un mozo.

Enchendo de forma minuciosa cada detalle, cada recuncho dos 50 metros cadrados que vai ter a alfombra. Os encargados de engalanar a apertura da Porta Santa son unhas 50 persoas de 12 asociacións integradas na Federación Galega de Alfombristas. O motivo central está inspirado no sepulcro do Apóstolo. 

"O motivo son motivos heráldicos de Santiago, do antigo escudo de Santiago que fai referencia ao sepulcro e á estrela que nos guía no camiño", afirma Manuel Alonso, presidente da Federación Galega de Alfombristas.

O título da creación é A luz que ilumina o camiño. Unha luminosidade que vén das cunchas dos berberechos triturados, das camelias de Celanova, de hortensias naturais, secas ou pintadas. O tempo non axudou moito, pero peor sería que ventase...

"A auga dificulta un pouco e mañá a alfombra non vai estar intacta", di unha muller.

Mañá será a primeira vez na historia que as flores alfombren a apertura da Porta Santa.

Noticias web

30/12/2020