As filloas e as orellas, sobremesa estrela do Entroido galego
Son vostedes de orellas ou de filloas? De filloa salgada do cocido ou de filloa doce? Se son larpeiros e pertencen ao segundo grupo, velaquí a nosa homenaxe ás sobremesas de Entroido, que empezan a ser do máis demandado! E non é de estrañar, algúns teñen moi claro que é o mellor do Entroido.
Os nenos non dubidan e os adultos seguro que tampouco. Vendo estas orellas e estas filloas a calquera se lle fai auga na boca. As filloas, aínda que as hai salgadas e doces, están feitas coma sempre, mesmo lles botan auga do caldo e fariña do país. Receita tradicional, aposta segura.
Pero, ollo, que nalgúns casos aínda atopamos avoas que seguen sendo elas as que as fan. Visto o visto as filloas, igual ca as orellas, non deben nin poden faltar nin no filloeiro nin no Entroido galego.