CRTVG

Buscar

As festas patronais de agosto disparan os contaxios en Ordes, Monforte de Lemos e Rábade

Publicado o 23/08/2021 21:27

Este martes volverá reunirse o comité clínico co foco posto en tres concellos. Teñen en común que neles se dispararon os contaxios despois das festas patronais de mediados de agosto. 

O concello coruñés de Ordes pasou en seis días de ter 12 casos de covid a sumar 178. A transmisión adquiriu carácter explosivo e afecta sobre todo á xente nova. É un caso moi parecido ao de Monforte de Lemos e en menor medida ao de Rábade.

Como en Ordes nestes dous concellos lugueses tamén se dispararon os contaxios nos días posteriores ás festas patronais. Semella que o virus se propagou nas reunións informais, porque nas escasas celebracións oficiais adoptáronse medidas anticovid.

As celebracións  polas festas de Santa María e San Roque dispararon a incidencia da covid en varios concellos galegos. Ordes está en nivel medio baixo de restricións, pero o ocorrido na última semana pode cambiar a súa situación. Pasou de ter 12 casos a 178. 

"Imos saltar ao nivel máximo e os hostaleiros, que son os meus clientes, están moi preocupados", asegura a dona dunha froitería.

As farmacias non paran de vender test covid: "Ao principio viña só xente nova, pero agora veñen familias enteiras", din nunha das farmacias de Ordes.

Un gromo entre a xente nova, tamén despois das festas patronais converteu ao concello lugués de Rábade no de maior incidencia acumulada de Galicia. Só suma 20 casos pero hai afectados do mesmo foco en Castro de Rei, Begonte, Meira e Pastoriza. Xosé Francisco Fernández, alcalde de Rábade.

"É un gromo que semella que xurdiu nun grupo de amigos, pero esta é unha vila moi pequena en que hai moito contacto coa xente de arredor. A xente é dos mesmos grupos e é probable que xurdira así".

A Xunta non oculta a súa preocupación por esta proliferación de gromos entre a xente nova. Alfonso Rueda asegurou que "as zonas onde están ocorrendo os gromos probablemente se deberá ás concentracións de persoas que houbo nesas datas neses lugares. O comité clínico analizará palmo a palmo a situación, vendo de onde son eses contaxios e se é necesario haberá que aumentar as garantías sanitarias".

Xunto con Ordes, o maior gromo dos que xurdiu é entre a mocidade é o de Monforte de Lemos. Aínda non se cumpriu unha semana desde o primeiro positivo e xa suma 164 casos. 

Tamén aumentaron os contaxios despois das festas nos concellos ourensáns de Viana do Bolo, A Veiga e Vilariño de Conso.

Noticias web

23/08/2021