CRTVG

Buscar

As farmacias, pendentes da autorización para vender tests rápidos de coronavirus

Publicado o 03/05/2021 15:31

O Ministerio de Sanidade xa tramita o real decreto que vai abrir a porta a que calquera persoa poida mercar, na farmacia e sen receita, probas rápidas de autodiagnóstico da covid. Son probas que xa se poden mercar libremente nas farmacias doutros países europeos, e o sector tamén demandaba poder comercializalas aquí. 

O cambio normativo para permitilo está en marcha, e con el chegarán ao mercado e sen receita os tests de antíxenos. Detectan a presenza do virus, así que en pouco tempo e na casa poderemos saber se estamos contaxiados ou non.

"Cunha proba nasofarínxea, como unha PCR, en dez minutos diríanos se somos positivos ou non", explícanos a farmacéutica María Pía Barca. 

Contan que estas probas van axudar na detección e control dos casos, e prevén que o seu uso vai estenderse axiña.

"Vas ver os teus pais ou os teus avós e quen non quere estar seguro de que non está contaxiado?", pregúntase Barca. "Isto normalizarase complentamente", engade. 

O primeiro prazo que ten que cumprir a reforma normativa vence o 13 de maio, despois poderiamos ter tests de antíxenos ou de anticorpos nas farmacias e sen receita.