CRTVG

Buscar

As farmacias de Pontevedra inician este mércores un cribado masivo para persoas de entre 12 e 64 anos

Publicado o 27/04/2021 18:46
As farmacias de Pontevedra inician este mércores un cribado masivo para persoas de entre 12 e 64 anos

Un total de 400 farmacias da provincia de Pontevedra inician este mércores un cribado masivo mediante autorrecollida dunha mostra de saliva para persoas de entre 12 e 64 anos, co obxectivo de detectar persoas asintomáticas contaxiadas por covid-19.

Segundo informou o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, esta iniciativa, que "non ten data de finalización e manterase no tempo mentres sexa necesario", enmárcase no programa para a detención do virus SARS-CoV-2, subscrito pola organización colexial e a Consellería de Sanidade.

En Pontevedra hai 627.021 persoas de entre 12 e 64 anos de idade con cartón sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas). O 98,42 % delas están chamadas a participar neste cribado, aínda que case 10.000 non son candidatas porque deron positivo en covid no últimos tres meses, son contacto de seguimento covid ou viven nunha residencia para persoas maiores ou persoas con discapacidade.

Este novo cribado dará continuidade aos desenvolvidos previamente polas farmacias pontevedresas. Así, entre febreiro e marzo levouse a cabo un dirixido a persoas de entre 40 e 64 anos, en que participaron máis de 40.900 persoas e detectáronse 76 positivos. Posteriormente, durante este mes de abril realizouse outro cribado para adolescentes de entre 12 e 17 anos de idade.

Este rematou con 11.744 participantes, entre os que se detectaron 19 positivos -13 na área sanitaria de Pontevedra e 6 na de Vigo-. O organismo colexial destacou que "os datos das experiencias precedentes fan que as perspectivas de seguir detectando positivos asintomáticos neste tipo de cribados a través das farmacias sexan altas".

As persoas que xa participaron en anteriores cribados poderán repetir a proba se seguen cumprindo os criterios de inclusión.

Realización da proba

En concreto, para realizar esta proba a persona participante debe solicitar na farmacia un tubo de recollida de mostra. No seu domicilio recollerá 1 mililitro de saliva ao levantarse en xaxún, sen beber auga e sen lavar os dentes. Unha vez recollida a mostra, deberá entregarse na farmacia que facilitou a proba "canto antes" e sempre antes das 10.30 horas dese mesmo día.

A mostra poderá ser entregada persoalmente ou por calquera outra persona no seu nome co cartón sanitario. Posteriormente, as mostras serán trasladadas ao laboratorio de Microbiología da área sanitaria de Vigo, para a análise de SARS-CoV-2 por PCR, aplicando o método de 'pooling'. Unha vez procesada a proba, o resultado introducirase na historia clínica do paciente e comunicaráselle o resultado por teléfono.