CRTVG

Buscar

Os farmacéuticos de Pontevedra valoran positivamente a acollida dos tests de saliva

Publicado o 05/02/2021 13:56

Ter entre 40 e 64 anos,non pasar a covid nos últimos 3 meses e non ter unha PCR feita nos 15 días anteriores e posuír a tarxeta sanitaria. Eses son os requisitos para poder participar neste cribado masivo que comezou na provincia de Pontevedra e que se estenderá ao resto de Galicia para detectar, sobre todo, os casos asintomáticos.

O proxecto piloto arrancou onte en seis farmacias e o luns ampliarase a case 300. Os que desexen participar teñen que achegarse ás boticas e recoller o kit e as instrucións para realizar a proba da saliva.

A iniciativa tivo moi boa acollida xa no primeiro día. De feito esta mañá había ringleiras para entregar as mostras nesta farmacia de Campolongo, unha das pioneiras en participar no cribado. Por iso fixeron tamén unha chamada á calma para non saturar as boticas, porque o cribado vai durar 2 meses e estará ao alcance de todos os que desexen participar.

Unha vez entregada a mostra na farmacia é o Sergas o que se encarga de notificarlles os resultados aos usuarios. Se o resultado é negativo recibirán un SMS. Se dan positivo, sería o médico de cabeceira o que o chame por teléfono.

Noticias web

05/02/2021