As farmacias de Ourense que fan a probas rápidas piden calma: hai tests para todos
Na área sanitaria de Ourense volve baixar o número de casos activos, 61 menos ca onte, aínda que medran os hospitalizados. Nos concellos con maior incidencia do virus, como o de Barbadás, as farmacias comezaron a realizar os tests rápidos dirixidos á poboación. Buscan detectar asintomáticos e son gratuítos.
En só 15 minutos, grazas a estes tests rápidos de dobre banda, os veciños das poboacións con máis incidencia de Ourense poden saber se estiveron en contacto co virus ou se están contaxiados. Se o resultado é positivo serán derivados ao Sergas para facer unha PCR.
É unha iniciativa coa que o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense quere contribuír a frear a expansión do virus.
En Ourense cidade comezaron hoxe a facer os test rápidos e a demanda sobrepasounos.
Mauro Carrillo, farmacéutico de Ourense: "Temos que transmitir calma porque estamos totalmente desbordados coas solicitudes que hai e isto é algo que se vai estender no tempo. Hai unha páxina web citaprevia.cofourense.com onde debería anotarse a xente".
Noutra farmacia de Barbadás levan facendo probas dende a fin de semana. Portal Martínez, farmacéutica de Barbadás, afirma que xa non teñen citas dispoñibles ata novembro.
A iniciativa estenderase aos sete concellos con maior incedencia do virus en Ourense. Unha poboación cercana aos 180.000 veciños.
Menchu Baladrón, vogal do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, anima a poboación a participar. Di que ninguén que desexe facer a proba quedará sen facela.
O obxectivo, detectar asintómaticos para frear a expansión do virus.