CRTVG

Buscar

As familias das vítimas do crime do Ceao satisfeitas por "poñerlle cara" ao sospeitoso

Publicado o 13/07/2021 14:33

Este martes á mañá chegaba o día no que o único sospeitoso polo dobre crime do Ceao acudía aos xulgados de Lugo. Ten que facer fronte á causa polo asasinato de dous traballadores do Cash Record, Elena López, que traballaba como caixeira, e Esteban Carballedo, que era repoñedor. O procesado, que en 1994 tiña un bar no centro da cidade, a día de hoxe reside en Burgos.

"Esta declaración é fundamental porque a única que se lle tomou foi no ano 96, dous anos despois de que aparecesen indicios claros fronte a esta persoa, que é unha das cousas que non se entenden. Entón imos ver o que responde, alén de negalo todo sen ningún tipo de aclaración, e a partir activaremos os mecanismos procesuais correspondentes", di Gerardo Pardo de Vera, avogado das familias das vítimas.

As familias das vítimas do dobre crime, que ao longo destes anos estiveron loitando para que se esclarecese a súa autoría, acudiron ás portas dos xulgados durante a declaración. "Eu non lle poñía cara e por fin lla puxen. A ver agora que di. Espero que saia moito desta declaración", asegura Isabel López, irmá de Elena López.

"Moi contenta por chegar a este paso. Despois de loitar os 27 anos, polo menos poñémoslle cara. Independentemente do que declare, para nós é unha alegría grandísima", explica Avelina Sánchez, cuñada de Esteban Carballedo.

"Ben está se chegou, aínda que sexa moi tarde. Hai que ter en conta que moitas dilixencias se foron practicando durante estes últimos anos e tamén deron os seus pequenos resultados, que unidos a aqueles outros datos cos que xa se contaba antigamente pois deu lugar a este procesamento", di o avogado das familias.

A avogada do encausado presentou un recurso contra o auto de procesamento. De ser denegado, a xuíza deberá decidir se pasa a mans da Audiencia Provincial a que é a causa xudicial que máis tempo leva aberta en todo o país.

Noticias web

13/07/2021