CRTVG

Buscar

As fábricas de máscaras xa notan unha importante caída nas vendas

Publicado o 24/06/2021 14:42

Foi para eles un ano rendible, tanto que o beneficio foi catro veces superior ao que tiñan antes coa fabricación de ferro, que é a súa actividade principal. No almacén non tiñan stock. Venderon 11 millóns de máscaras por todo o país e mesmo algunha en Francia e Alemaña. Dende que o presidente fixo o anuncio da fin da máscara en exterior o negocio caeu en picado.

"De feito, no mesmo día, ás dez e media da máñá que se anunciou na televisión, nós vendemos moito en liña e pensei que se cortara a Rede porque no mesmo segundo caeu totalmente a venda en liña. Despois, ao día seguinte recuperouse un pouco, pero tranquilamente a venda descendeu un 70, 80%", relata ​Fernando Ortigueira, director xeral de Sanamask.

Poñer a funcionar a empresa foi todo un reto nun tempo en que había parálise de toda industria a nivel mundial. O máis difícil de conseguir foi a materia prima.

"Podemos falar tranquilamente de que unha tea que hoxe en día unha tonelada custa mil euros, nese momento por esa mesma tonelada pagábase cen mil euros, que é a tea filtrante que levan as máscaras no interior", apunta Fernando.

Agora continuarán coa actividade, pero para atender, sobre todo, a demanda de empresas de alimentación. Para o cidadán, pola contra, esta medida vai ser un pequeno alivio, en todos os sentidos.

Noticias web

24/06/2021