As exportacións galegas medran un 1,4 % fronte a unha caída a nivel estatal

As exportacións de empresas galegas aproxímanse a valores previos á pandemia de covid-19 tras aumentar en febreiro 1,4 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, fronte a unha caída de 1,9 % no conxunto de España nese mesmo período. É unha das principais conclusións do Foro Económico de Galicia, un órgano de observación da economía integrada por expertos e académicos, que constata unha evolución positiva da comunidade en comparación co conxunto do Estado.
O "barómetro de exportacións" elaborado polo Foro Económico de Galicia mostra que a exportación de mercadorías "volve á senda de achegamento" aos doce meses previos á pandemia. Destacan que o sector da automoción volve liderar o crecemento das exportacións galegas cun aumento interanual de 35,7 %, despois dunha caída puntual en xaneiro, superando en "máis dun 30 % os niveis previos á pandemia".
O sector téxtil, outros dos motores da industrias exportadora galega, ten en cambio un comportamento negativo cunha caída interanual de 41,9 % e un acumulado nos últimos doce meses de "máis dun 30 %" de descenso respecto a os niveis previos á pandemia.
O sector agroalimentario convértese en "o máis resiliente e estable" tras volver a taxas de variación interanuais positivas, o que lle permite manter en niveis comparables aos que rexistraba antes da pandemia. O sector do combustible, a pesar da súa melloría, segue sendo o "máis afectado" desde o inicio da pandemia, o que se traduce en "unha perda considerable do seu peso no conxunto das exportacións", sinala o Foro.
Os países con maior crecemento das exportacións de produtos galegos son Alemaña, Italia e Turquía mentres que descenden as vendas a Portugal, Francia e Reino Unido, ademais do baixón cara ao continente americano, debido fundamentalmente a unha caída do comercio con Estados Unidos, segundo os expertos.