CRTVG

Buscar

As exportacións españolas caeron un 39,3% en abril polo impacto da covid-19

Publicado o 18/06/2020 11:58
As exportacións españolas caeron un 39,3% en abril polo impacto da covid-19

As exportacións españolas caeron un 39,3 % interanual en abril, ata os 15.042 millóns de euros, mentres que as importacións se reduciron un 37,2 %, ata os 16.561 millóns, polo impacto da pandemia do COVID-19.

Trátase da maior caída mensual interanual das exportacións de toda a serie, que se remonta a 1995 e, en termos absolutos, volve a niveis de hai dez anos, segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Por sectores, as exportacións caeron en abril en todos, excepto o da alimentación, co maior descenso no automóbil, do 84,2 %, debido ás menores vendas de coches e motos, e tamén de compoñentes.

Tamén caeron con forza as exportacións de bens de equipo, un 46 %; as de bens de consumo duradeiro, como mobles, un 52,8 %; ou as de manufactura de consumo, onde entra o téxtil, cunha caída do 63,2 %, polas menores vendas de confección.

Pola contra, subiron un 5,5 % as exportacións de alimentación, bebidas e tabaco, con maiores vendas dos subsectores de froitas, hortalizas e legumes, e produtos cárnicos.

Con estas cifras, o déficit comercial de España sitúase en abril en 1.518 millóns, un 5,4 % menos ca no mesmo mes do ano pasado, e a taxa de cobertura (porcentaxe das importacións que poden pagarse coas exportacións) no 90,8 %, é dicir, 3,1 puntos porcentuais menos.

O descenso das exportacións de España en abril é maior ao doutros países como Alemaña (31,1 %), a zona euro (30,6 %), a Unión Europea (30,5 %) ou Reino Unido (18,6 %), pero inferior ao de Francia (43,1 %). Industria sinala que os datos de Italia, outro dos países máis afectados pola pandemia, non están dispoñibles.

Fóra de Europa, caeron as exportacións dos Estados Unidos (29 %) e do Xapón (21,9 %), mentres que aumentaron as da China un 3,5 %.

O impacto da pandemia do COVID tamén se nota nas cifras acumuladas. Así, entre xaneiro e abril as exportacións caeron un 12,4 %, 83.946 millóns, mentres que as importacións descenden un 12,8 %, ata os 93.126.

O déficit comercial sitúase así ata abril en 9.179,4 millóns de euros, un 17,1% inferior ao rexistrado no mesmo período de 2019.