CRTVG

Buscar

As estrelas do Camiño, unha mostra de arte urbana que resalta o valor dos que acollen aos peregrinos

Publicado o 18/03/2021 14:01

Os protagonistas do Camiño de Santiago non son só os peregrinos. As xentes que os acollen tamén teñen un papel esencial. A exposición As estrelas do Camiño, unha serie de sete grandes murais do artista gráfico Mon Devesa, tenta recoñecer ese carácter dos galegos como pobo acolledor. 

Os que percorran a partir de agora a parte galega do Camiño Francés van atopar eses anfritrións de altura. Son persoas coma Isidro, un apaixonado da cría de abellas, ou Maruja, unha rosquilleira, ou Antón, un historiador que coñece ben a ruta tanto a nivel teórico como práctico.

Son tres dos sete protagonistas escollidos polos promotores da exposición 'As estrelas do Camiño' para simbolizar todos os galegos que manteñen vivo o espírito da ruta como espazo de acollida. "Criamos que realmente os galegos que viven cerca do Camiño foron os que conseguiron facelo tan internacional e tan global", di Goretti Castro, a xerente de Cultura de Estrell Galicia e responsable da exposición.

Os sete retratos, obra do artista plástico ourensán Mon Devane, poñen a énfase na ollada dos protagonistas para que o camiñante se atope de cheo con eles e coa cultura que representan. "Debaixo de cada mural puxemos un fito de pedra que ten un código que te leva a unha páxina web na que podes coñecer as historias de todas as personaxes. O que queriamos é que os peregrinos de todo o mundo, cando fagan o Camiño de Santiago, non só coñezan estes murais senón a historia que hai detrás."

Os murais están en Triacastela, Sarria, Portomarín, Melide, Arzúa, A Lavacolla e Santiago. Estrella Galicia promociona a serie como a exposición máis longa do mundo, porque para vela completa hai que andar 140 quilómetros. E están polo labor de que sexa aínda máis longa porque en Galicia, din, hai moitos Camiños e moitas outras estrelas por descubrir.

Noticias web

18/03/2021