As escolas infantís prepáranse para a nova normalidade
A volta ás aulas nas escolas infantís será en setembro. Antes, os centros deberán prepararse para a nova normalidade. A primeira medida estará na entrada á escola. Por quendas, con toma de temperatura aos pequenos e con desinfección de roupa e calzado.
"Nós imos dar uns horarios para que coincida a menor xente posible e teremos unha porta de entrada e outra de saída", explica Esmeralda de Saa, propietaria da escola infantil 'O Xardín' de Vigo.
Na aula, os pequenos traballarán nos mesmos grupos e promoveranse actividades que impliquen o menor contacto. Dese xeito, "se houbese un rebrote por mala sorte", o centro tería máis localizado o alumnado afectado, segundo nos conta a dona da gardería.
Todas estas medidas recóllense nun protocolo común que deben aceptar e asinar as familias. E se algún neno presenta síntomas, haberá que dispor dunha zona de illamento ata a súa recollida por parte dun dos proxenitores.
Un regreso que ante todo quere ser seguro para retomar a vida nas aulas, aínda que suscita todo tipo de opinións entre os pais. Moitos ven "irremediable" a volta á escola, pero tamén hai quen prefire non levar os fillos "polo menos este ano", como nos explicou esta mañá unha nai nun parque.