As escolas infantís abrirán o 4 de setembro e non aceptarán nenos con 37º
As escolas infantís públicas abrirán o próximo 4 de setembro e farano cun protocolo de medidas polo coronavirus que afectan tamén centros privados e concertados.
Segundo o protocolo elaborado pola Xunta, as familias terán que tomar a temperatura diariamente aos seus fillos antes de acudir ao centro, de forma que se supera os 37 graos non poderán acceder á aula.
Ademais, terán que acudir á hora concertada e respectar os horarios "estritos" de entrada e de saída, non poderán deixar os carriños dos bebés no recinto e tampouco acceder a recoller os menores.
A data de inicio escolar foi comunicada aos sindicatos por parte da Consellería de Política Social, segundo ratificaron fontes do departamento que dirixe Fabiola García e sindicais, e afecta os centros dependentes do departamento autonómico e do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar.
Ademais, a Xunta tamén trasladou un plan de prevención de riscos pola Covid-19, que pasa por formación en prevención, que se realizará antes do período oficial de vacacións.
O persoal das escolas infantís tamén ten recomendacións como priorizar o uso de transporte privado e individual para acudir ao traballo, terá que cambiarse de roupa no centro e manter distancias de seguridade, así como facer uso de medidas de protección como máscaras ou pantallas faciais.
No caso de que apareza un caso positivo de Covid-19 nunha escola infantil, valorarase realizar un diagnóstico en 24 horas de existir clínica compatible "a todo o persoal que tivese contacto estreito co caso positivo" no centro.
Outras medidas
· Documento asinado polas familias. O protocolo de medidas tamén implica que as familias deberán asinar un documento responsable de non ter sintomatoloxía da Covid-19 nin ter contacto estreito con persoas con coronavirus nos 14 días anteriores á súa incorporación, así como deberán comunicar calquera circunstancia que poida ocorrer en calquera momento do curso a este respecto.
· Desinfección. Así mesmo, as medidas sinalan que haberá que desinfectar toalliñas e cueiros, os biberóns que leven da casa, incluídos os de leite materno.
· Detección de febre nun neno. As normas tamén recollen que, no caso de ser detectada febre nun menor durante a xornada, as familias deberán "presentarse no centro con moita brevidade, polo que deberán estar localizables en todo momento".
· Calcetíns antiesvaróns ou calzado exclusivo. Os nenos camiñarán preferentemente con calcetíns de sola antiesvaróns dentro do centro se así o permite a temperatura das aulas. No caso de que non ter chan radiante, empregarase calzado exclusivo para estar dentro da escola e saír ao patio.
· Acceso ao recinto de persoas externas. Para acceder ao recinto, por parte de empresas externas (como as de cátering, por exemplo), haberá que proverse de calzas e, de ser posible, o acceso será por portas alternativas ás que utilizan os menores.
· Actividades no centro. Tamén se priorizarán actividades en grupos reducidos, ao aire libre, alternancia de espazos e, no caso de pupitres ou comedores, distanciamento social entre os nenos.
· Uso de máscaras. Os menores de 0 a 3 anos non teñen que facer uso de máscaras, pero recomendarase a súa incorporación a partir dos tres anos. Desde os seis anos é obrigatoria, mentres siga o protocolo de coronavirus activo.
· Reunións cos pais e nais. Ademais, quedan suspendidas todas as reunións presenciais cos pais e nais coa escola, fomentaranse as videochamadas, e tampouco se admitirán actividades das asociacións de nais e pais no recinto.
Cada centro contará cunha persoa responsable de coordinación das medidas de prevención e control da Covid-19. Será a encargada de contactar coa xefatura provincial de Sanidade se existe algún brote ou algún caso de sospeita para coordinar as medidas de control.
Tamén terán un centro de saúde de referencia, onde se pode poñer en contacto o responsable do centro para resolver algunha dúbida ou incidencia.
Galicia flexibilizará o período de adaptación de infantil o próximo curso
Por outra banda, o calendario escolar galego manterase segundo o previsto inicialmente pola Consellería de Educación: as clases arrincarán o 10 de setembro e pecharanse o 22 de xuño. Un período lectivo que, segundo os cálculos sindicais, supoñería prolongar o curso polo menos un día máis, á espera de que se determinen algúns dos festivos do próximo ano.
O departamento dirixido por Carmen Pomar abordou o calendario na mesa sectorial, cos representantes sindicais das organizacións CIG-Ensino, CC.OO. Ensino, FeSP UXT e ANPE Galicia.
A organización é similar a outros anos. O curso empezará o 10 de setembro para o alumnado de infantil, primaria e educación especial; o 16 para ESO, bacharelato e FP; e terminaría o 22 de xuño de 2021.
Os períodos de vacacións serían o de 'Nadal', entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro; 'Entroido', entre o 15 e o 17 de febreiro; e Semana Santa, entre o 27 de marzo e o 5 de abril. Tampouco serían días lectivos as festas de ámbito estatal, os festivos da comunidade autónoma e o 7 de decembro, 'Día do Ensino'.
A principal diferenza respecto a outros anos é que o cómputo de días lectivos representa un día máis do mínimo esixido polo Goberno Central, que está establecido en 175, mentres que en Galicia serían 176 (a proposta son 178, pero aplicaríanse dúas festividades).
Outra das novidades refírese á flexibilización para os máis pequenos. En concreto, alongarase o período de adaptación do alumnado de infantil que entra no sistema ata finais de setembro, en lugar do máximo de 10 días doutros anos.
Esta circunstancia podería aplicarse tamén a outros niveis de infantil no caso de que sexa necesario, segundo engade a Consellería de Educación.
Atrasar o arranque
Tanto CIG-Ensino como ANPE Galicia censuraron que o calendario exposto pola Xunta está por encima da media dos países da contorna, polo que reclamaron atrasar o inicio das clases en infantil e primaria (as principais etapas afectadas) polo menos ata o 11 de setembro.
CIG tamén reclamou que se recupere o horario reducido de catro horas nos meses de xuño e setembro, e criticou que a orde sexa un simple "curta e pega" doutros anos a pesar das circunstancias excepcionais que marcarán o próximo curso, debido á situación sanitaria.
Neste sentido, ANPE reiterou a súa petición de que se analice de forma "urxente" a situación dos centros e do sistema educativo para esta nova etapa e lamentou a falta de referencias ás previsións sanitarias e organizativas nese sentido.