CRTVG

Buscar

As enchentes nos ríos galegos causan cortes e alagamentos

Publicado o 18/02/2021 20:11

• Activado o aviso laranxa por temporal costeiro e de vento na Coruña e Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta activou un aviso de nivel laranxa por temporal costeiro e vento que afectará desde este venres ás provincias da Coruña e Pontevedra. Segundo a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur e do suroeste que poden alcanzar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir deste venres ao mediodía ao oeste e suroeste da Coruña e a toda a provincia de Pontevedra.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral da Coruña e Pontevedra. Espéranse ventos do sur de forza 8, que no oeste da Coruña poden chegar a forza 9, ademais de mar combinado do oeste e do suroeste con ondas de entre 5 e 6 metros, que temporalmente poden aumentar a entre 6 e 7 metros.

Por este motivo, a comisión escolar de alertas decidiu suspender este venres as actividades no exterior dos centros educativos das zonas de predición meteorolóxica da totalidade do oeste e suroeste da Coruña a partir das 12:00 e de toda a provincia de Pontevedra, a Mariña lucense e a Montaña de Ourense desde as 18:00 horas.

Rebordamentos de ríos

Hai tempo que os veciños non vían tan alto o río Asma en Chantada. A imaxe repetíase a primeira hora en moitas zonas de Galicia. En Ribadavia, zonas verdes anegadas, pontes e pistas cortadas... O nivel do río Avia superou os tres metros. Houbo zonas na provincia de Ourense que acumularon 80 litros de chuvia por metro cadrado.

En Gondomar, o paseo quedou asolagado e algunhas pontes quedaron impracticables. Tamén a contorna da Policía Local ou o centro de desenvolvemento local. O rebordamento do Miñor e da súa confluencia co Zamáns tamén chegou a algúns garaxes e rochos.

Nas últimas horas chegou certa calma. A situación manterase mañá pero comezará a mudar xa na madrugada do sábado coa entrada dunha borrasca profunda que deixará intensas chuvias durante a fin de semana.

Noticias web

18/02/2021