CRTVG

Buscar

As eleccións xerais en Alemaña marcan a fin da era Merkel

Publicado o 26/09/2021 14:06

Máis de 60 millóns de alemáns foron convocados a participar nestes comicios xerais, que porán fin a dezaseis anos de goberno de Angela Merkel. Unha muller comenta que nunca foi máis importante votar que este ano. "Especialmente interesante porque traerá un cambio de goberno", apunta outro cidadán.

Os colexios electorais, que abriron ás oito da mañá, pechan ás seis da tarde. Nese momento difundiranse as sondaxes a pé de urna e deseguido empezará a difundirse o reconto, pero os resultados finais poden tardar porque houbo moito voto por correo.

A campaña estivo marcada polos cambios de tendencia. Arrancaron forte Os Verdes. Logo remontounos o bloque conservador, co centrista e teórico sucesor natural de Merkel, Armin Laschet, á fronte.

Máis tarde posicionouse como favorito Olaf Scholz, do Partido Socialdemócrata, vicechanceler e ministro de Finanzas do Goberno actual. E na recta final, socialdemócratas e conservadores quedaron no alto da táboa, practicamente igualados.

Laschet lembraba que nunha carreira tan rifada cada voto conta. Scholz tamén desexaba que fose votar o maior número de cidadáns posible. O desenlace é unha incógnita pero parece claro que os partidos terán que negociar un executivo de coalición e que, debido á fragmentación do voto, terá que ser un tripartito, lidere quen o lidere. 

Noticias web

26/09/2021