As eleccións do 4M protagonizan a sesión de control ao Goberno no Senado
O Partido Popular responde despois de que o PSOE propuxera un cordón sanitario arredor de VOX en Madrid. Ana Camins, do PP, preguntou "cando lles van facer un cordón sanitario aos herdeiros da ETA, aos golpistas e aos independentistas desde o Goberno de España?" Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno, cre que "non paga a pena ningunha resposta agás se vai vostede ao mitin que vou dar despois pola tarde. O Goberno de España non está en campaña".
A unha semana das eleccións madrileñas, os senadores populares gabaron a xestión de Isabel Díaz Ayuso, a quen atribúen marcarlle o paso a Pedro Sánchez na loita contra o virus. Segundo a popular María Paloma Adrados "os feitos demostran que Ayuso foi por diante e iso valeulle o acoso por parte deste goberno, que abandonou Madrid e os madrileños".
A ministra de Sanidade defendeu a toma de decisións desde a cogobernanza e criticou a oposición de Madrid a medidas como os peches perimetrais. Carolina Darias preguntouse: " foi por diante? Si, foi por diante e en contra de todas as comunidades autónomas, incluída a súa. Deixen de facer esta política pouco sa coa pandemia".
O senador de Junts Josep Lluis Cleríes cuestionou que sexa unha democracia plena unha que retira as pancartas da Generalitat a prol da liberdade de expresión e tolera as xenófobas, dixo de VOX.