CRTVG

Buscar

As doses da vacina AstraZeneca repártense hoxe entre as comunidades autónomas

Publicado o 08/02/2021 08:34

A previsión do Goberno é que durante este mes de febreiro se distribúan en España máis de catro millóns das tres vacinas aprobadas en Europa. Hoxe repartiranse case duascentas mil das de AstraZeneca entre as comunidades autónomas.

A diferenza das outras dúas, esta será inoculada a persoas de 18 a 55 anos: os primeiros, profesionais e traballadores sanitarios que aínda non a recibisen. Segundo o último informe do Ministerio, xa foron administrados, ata o venres, case dous millóns de doses en España. 

Coas outras vacinas seguirase coa inmunización dos maiores de oitenta. E a quen lla porán despois? Unha organización do sector sanitario, a Sociedade Española de Medicina Preventiva, fixo unha proposta. Consideran que os seguintes deberían ser os maiores de setenta anos, logo os que teñan obesidade mórbida, para seguir coas persoas con síndrome de Down e a continuación quen presente tres ou máis comorbilidades, ou sexa, que combinen doenzas de risco.

Aínda quedan semanas para a fase de vacinación masiva en España; con todo, as comunidades autónomas prepáranse buscando espazos para habilitar.  En Valencia recoñecen as dificultades que terá este proceso a grande escala.

En Cataluña prevén usar as universidades como espazos de vacinación. En Granada non descartan a praza de touros. Noutras cidades ofreceron estadios de fútbol, polideportivos, pavillóns ou grandes hospitais como o Isabel Zendal de Madrid. 

Noticias web

08/02/2021