As denominacións de orixe dos queixos galegos rexeitan o semáforo nutricional
Os queixos galegos con denominación de orixe tampouco queren saber nada do chamado Nutri-Score, o semáforo nutricional que promove o Goberno e que implicará que as etiquetas dos alimentos teñan unha cor ou outra en función de se son considerados máis ou menos saudables. Lembran que eles xa contan cun selo de calidade.
"Non podemos estar no mesmo saco. Temos que estar á marxe. Xa temos os nosos controis de calidade e de saúde. Non podemos entender que o queixo, pola cantidade graxa, sexa un produto menos saudable, que sexa máis perxudicial para a saúde porque entra nun vermello ou nun azul".
Cren que pode crearse confusión e que produtos procesados, como, por exemplo, algún refresco, poida parecer igual de saudable.
"Se temos un produto procesado, a grande industria, como sabe cales son os algoritmos que manexan, pode adaptarse a un perfil que pareza saudable".
O Nutri-Score será obrigatorio en toda Europa o ano que vén, pero o Goberno español pretende implantalo xa de xeito voluntario. As denominacións de orixe e indicacións protexidas de toda España reclaman quedar fóra, como xa logrou o sector do aceite de oliva.