As cuadrillas forestais abren cortalumes nas zonas de alto risco
Este xoves empeza a campaña contra incendios en Galicia. Os traballos preventivos intensificáronse nas últimas semanas. Nas zonas de alto risco as cuadrillas forestais abriron cortalumes vexetais.
Ano tras ano o lume prende en Brión, un concello da contorna de Santiago. Na aldea de Rubial as pegadas están hoxe ben visibles. É neste tipo de núcleos onde se está intensificando a prevención.
"É unha aldea que a única saída que ten é unha estrada principal duns 5 metros de ancho. A dificultade á hora de evacuar pode ser grande. Estamos intentando protexer un pouquiño máis esas zonas", explica Santiago Neira, axente ambiental do Distrito 3.
Estes cortalumes vexetais protexen os núcleos. Son útiles para saír pero tamén para entrar e combater o lume.
"Non hai concentración parcelaria nesta parroquia. Hai moito monte e poucos accesos. É moi necesario facer este tipo de traballos para que as brigadas forestais poidan entrar no caso de que haxa algún incendio", asegura Manuel Ferro, membro da cuadrilla.
En Galicia hai 19 distritos e en todos están facendo estes traballos de prevención nas zonas declaradas de alto risco. O 31 de outubro rematou o prazo para que os propietarios rozasen as leiras nas faixas secundarias, aquelas que están a menos 50 metros dos núcleos de poboación
"Estamos vendo que a día de hoxe quedan moitas parcelas por limpar. O que se está facendo é avisar as persoas que incumpriron a norma ou ben que os concellos limpan as parcelas e despois lle cobran ao dono os custos", engade Santiago Neira.