CRTVG

Buscar

As confrarías rexeitan o novo regulamento de control aprobado pola UE

Publicado o 22/03/2021 10:54
As confrarías rexeitan o novo regulamento de control aprobado pola UE

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores amósase contraria ao novo regulamento de control que pretende impor a Unión Europea.

O Comité Executivo da organización convoca para este luns unha xuntanza telemática dos patróns maiores de Galicia para analizar a normativa aprobada polo Parlamento Europeo.

Segundo explica nun comunicado o presidente da federación, José Antonio Pérez Sieira, para a frota artesanal é "inviable" rexistrar de xeito electrónico as súas capturas, tal e como obriga o novo regulamento. Dende o seu punto de vista, as declaracións de desembarque, notas de venda e documentos de transporte xa son suficientes para acreditar unha marea.

Critica a cámara obrigatoria para os buques de máis de 12 metros de eslora identificados como sospeitosos, nun risco alto, de pesca ilegal. Do mesmo xeito, lamenta que non se aceptase a proposta das confrarías de definir a pesca artesanal nun sentido amplo, non baseado só no tamaño dos barcos.

Tamén rexeita a obrigatoriedade de que todos os pesqueiros de máis de catro metros estean xeolocalizados. 

Protesta e paro

A Federación propónlle ás 63 confrarías que a integran amarrar a frota artesanal pola falta de consideración da UE en xeral e das persoas relatoras da iniciativa española en particular. Considera que malia visitaren Galicia "non atenderon as demandas do sector".

O seu obxectivo é convocar un paro o venres 26 de marzo e facer soar as sirenas dos buques ás 12:00 horas en sinal de protesta.

Ademais, quere dirixirse por escrito á Federación Nacional de Confrarías para que informe o resto de organización da decisión do sector galego e buscar apoios nos concellos para que aproben mocións de apoio á pesca artesanal.

Tamén esixen o cesamento da eurodeptuada Clara Aguilera, relatora da iniciativa española por non "ter en conta as peticións do sector e continuar adiante co seu informe".