CRTVG

Buscar

As conexións por tren entre Galicia e Portugal, gran materia pendente

Publicado o 27/05/2021 16:10

A mellora das conexións por tren de Galicia con Portugal é unha vella reivindicación a ambos lados da raia. Os viaxeiros acaban preferindo coller o coche porque din que os trens teñen poucas frecuencias, e alongan os traxectos. 

E o transporte que acumula máis queixas é o tren Celta, o que conecta Vigo con esta estación de Campanha no Porto. Só hai un ao día nos dous sentidos, pola mañá entre as 8 e as 9 e tarda dúas horas e media, unha hora máis que se imos en coche. A outra opción é o autobús, hai máis frecuencias con dúas compañías facendo as liñas, pero nalgúns casos mesmo tarda máis que o tren. Os usuarios non se explican estas eivas á espera das melloras anunciadas.

9 da mañá e imos na busca de pasaxeiros do tren Celta, pero a liña con Galicia está cancelada hoxe. Na estacion de autobuses do Porto encontrámonos con Sara e Bernal, de Rianxo, que tiveron que buscar esta opción ás presas.

"Ninguén nos dixo nada, entón tivemos que vir correndo para a estación para coller o bus". 

Un tren lento e obsoleto, o que une Vigo co Porto, cunha frecuencia insuficiente, segundo os usuarios, ao que hai que sumarlle problemas de mantemento e folgas, moi habituais no país veciño. Hoxe Bruno tamén sufriu pola falta de información.

"Eu quería ir en tren, pero non me daban garantías, que ao mellor había un só, entón decidinme polo autobús". "Con todas as conexións económincas que teñen os dous países, non entendo como hai tan pouca frecuencia en tren. En autobús xa mellor".

Dentro dunhas semanas estará lista a liña eléctrica entre as dúas cidades, que non fará que os trens sexan máis rápidos, pero si máis modernos e con máis frecuencias.

 

Noticias web

27/05/2021