CRTVG

Buscar

As comunidades terán liberdade para decidir sobre a hostalería e o lecer nocturno

Publicado o 09/06/2021 21:40

EFE

EFE


O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas chegaron a un acordo este mércores para que éstas poidan eliminar as restricións á hostalería pero tamén ampliar o horario do lecer nocturno se a súa situación epidemiolóxica o permite.

Na reunión desta tarde acordaron, por unanimidade unha revisión do documento aprobado hai sete días, segundo explicou a ministra de Sanidade Carolina Darias na rolda de prensa posterior ao Consello. A única comunidade que non participou na votación foi o País Vasco porque xa ten os seus criterios e medidas.

A ministra indicou que segundo o acordado, as medidas relativas á hostalería desaparecen do documento inicial e as do lecer nocturno e eventos multitudinarios non ordinarios pasan a ser recomendacións en lugar de obrigacións, mentres que o resto queda como estaba. O escrito anterior prevía restricións de horarios ao lecer nocturno, que só podía abrir ata as 2 da mañá nos territorios con máis baixa incidencia, e á hostalería, que podía facelo ata a 1 deica o próximo setembro. Esas medidas deixarán de ser obrigatorias unha vez que o BOE publique o novo documento, que Darias espera que sexa "canto antes", mesmo mañá.

Darias insistiu en que os datos epidemiolóxicos "convidan máis á esperanza" ao baixar a incidencia de casos nas comunidades autónomas, por tanto buscouse o consenso de forma que sexan estas as que en función da súa propia situación acorden as medidas. Si que se manteñen outras, como a obriga de que as comunidades implementen a campaña de vacinación seguindo a estratexia, e fíxalles a estas ademais a obrigación de dispoñer de todos os materiais, equipos e recursos necesarios para vacinar e de achegar a información procedente dos rexistros e sistemas de información de vacinas ou de calquera outro sistema con información de interese.

 

Noticias web

09/06/2021