CRTVG

Buscar

As comunidades autónomas prepáranse para a fin do estado de alarma

Publicado o 04/05/2021 09:43

Quedan cinco días para que decaia o actual estado de alarma, e as comunidades autónomas preparan o día seguinte. Como o de Galicia, moitos outros presidentes autonómicos piden opcións para teren máis apoio xurídico, pero o Goberno insiste en que teñen capacidade normativa suficiente para seguir controlando a pandemia sen instrumentos excepcionais.

O lehendakari dixo que espera que o Goberno central reconsidere esta postura, pero, se non o fai, o venres firmará un decreto para adaptar as restricións á nova situación.

O presidente da Generalitat valenciana, que ten unha das incidencias máis baixas de España, anunciou que se levantará o peche perimetral da comunidade pero que se prorrogará o toque de recollida nocturno.

Tamén en Castela-A Mancha seguirá o toque de recollida, pero levantarase o peche perimetral.

Cataluña non prolongará o toque de recollida se seguen mellorando os datos de incidencia. O Govern aprobará un decreto para podelo instaurar de novo se os datos epidémicos empeoran.

A Rioxa tampouco reporá as restricións que caen o domingo, pero implantará un novo semáforo para impor diferentes medidas se fose preciso.

O Govern balear manterá as restricións a partir da semana que vén. E a Xunta de Andalucía restrinxirá horarios e pechará localidades con permiso da autoridade xudicial cando se dean moitos casos.