CRTVG

Buscar

As comunidades poderán restrinxir a mobilidade e as xuntanzas de Nadal a menos de 10 persoas

Publicado o 16/12/2020 19:23

• Acordaron por unanimidade non recomendar os tests de autodiagnóstico

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron este mércores manter o plan de Nadal previsto, aínda que estas poderán ser máis estritas en función da súa situación epidemiolóxica e restrinxir a mobilidade "nos termos que o consideren oportuno". Anunciouno o ministro de Sanidade, Salvador Illa, na conferencia de prensa posterior ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS).

Tamén se decidiu que as comunidades poderán reducir a menos de dez o número de persoas en Noiteboa e Nadal e limitar aínda máis a mobilidade nocturna. Na reunión, dixo Illa, os conselleiros de Sanidade e o ministro mostraron a súa preocupación ante o aumento de casos e por iso chegouse ao acordo entre todos para acordar medidas tan pronto como faga falta e coa "contundencia que faga falta". 

Acordaron por unanimidade non recomendar os tests de autodiagnóstico

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas urxen os profesionais sanitarios a non prescribir os tests rápidos de autodiagnóstico que se venden en farmacias porque "poden levar a engano" a quen crea que con estas probas "pode pasar o Nadal máis tranquilamente".

"Estes tests non son adecuados e recoméndase aos profesionais sanitarios a non prescrición porque poden levar a engano", xa que "son de difícil interpretación" e non están contemplados na axenda de testeo da estratexia de detección precoz, subliñou en conferencia de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

O relatorio sinala que estes tests rápidos de anticorpos que xa se venden en farmacias teñen un rendemento menor que as técnicas que se realizan nos laboratorios con sangue obtido por venopunción. "Con isto non se xoga, isto non é motivo de autodiagnóstico: cando un ten síntomas ou contacto estreito, ten que desprazarse á sanidade pública" engadiu.

Noticias web

16/12/2020