CRTVG

Buscar

As comunidades autónomas comezan a poñer a vacina de AstraZeneca

Publicado o 09/02/2021 08:26

As comunidades autónomas comezan hoxe a inocular as primeiras doses de AstraZeneca, inda que só aos menores de 55 anos. Esta nova vacina chega nun momento en que están baixando os contaxios en toda España pero continúa moi alta a presión hospitalaria. Fernando Simón xa alertou de que de como se saia desta terceira vaga dependerá como sexa a seguinte. 

Xa están repartidas polas comunidades autónomas, listas para inocular, as case 200.000 doses da vacina de AstraZeneca que chegaron na fin de semana. Só se vai administrar a persoas de 18 a 55 anos, por falla de evidencias da súa efectividade nunha idade superior. Primeiro, aos profesionais e traballadores sanitarios que aínda non estean vacinados, e logo a outros colectivos esenciais.

A previsión é que cheguen algo máis dun millón oitocentas mil doses de AstraZeneca neste mes de febreiro. Ten unha efectividade do 70 por cento e, segundo estudos preliminares da Universidade de Oxford, reduce a presenza do virus e podería evitar contaxios.

No Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias aseguran que a limitación da vacina de Astrazeneca non cambia a estratexia de vacinación. Coas fórmulas de Pfizer e Moderna completarase a vacinación do persoal esencial maior de 55 anos e comezará a dos maiores de oitenta. As autoridades sanitarias reiteran que, ata que polo menos o 70 % da poboación estea inmunizada, as medidas de prevención son o único xeito de frear a transmisión do virus. De momento, foron vacinadas 2.105.000 persoas en España. A case 800.000 xa lles puxeron as dúas doses. Simón alertou ademais da posibilidade de que haxa unha cuarta vaga, que dependerá de como baixemos desta terceira e de como evolucione a vacinación.

Inda que están baixando os contaxios e a incidencia acumulada, Simón prevé que nas vindeiras semanas continúen subindo a presión hospitalaria e as taxas de mortalidade. Desde o venres faleceron en España 909 persoas. Foi a fin de semana con máis mortes por coronavirus desde que empezou a pandemia.

Noticias web

09/02/2021