CRTVG

Buscar

Chantada e as comarcas de Bergantiños e Soneira, no punto de mira do comité clínico

Publicado o 13/11/2020 08:26

• A morte de sete persoas con covid-19 eleva a 1.046 o total de falecidos en Galicia

• Máis de 5.000 veciños de Ribeira, convocados a un cribado masivo para localizar casos ocultos

Hoxe, en Galicia, volve reunirse o comité clínico. Prevese que as cousas sigan igual nos 60 concellos con restricións, pero a maiores podería ampliarse ao peche perimetral tamén á comarca de Bergantiños e a de Soneira. Alí xa case o dan por feito, despois do aumento de casos dos últimos días. No punto de mira, tamén Carballo e Chantada, onde posiblemente se peche a hostelería. Levamos xa cinco xornadas con baixada de contaxios, pero o número segue sendo alto: medio milleiro ao día.

A comarca coruñesa de Bergantiños ten cinco dos sete concellos en alerta vermella por covid-19. Os casos activos aumentaron moito en Coristanco, Malpica, Ponteceso e Cabana e tamén na capital, en Carballo. Pasaron nunha semana de 52 a 126. Nunha xuntanza telemática cos alcaldes da bisbarra, Sanidade adiantoulles que poderían sumarse a algunhas das duras restricións que hai agora en 60 concellos galegos

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo: "Desexamos que esas medidas sexan eficientes pero que tamén haxa unha actividade que se siga permitindo, porque é un bo indicador sanitario tamén e un bo indicador economíco".

Juan Pazos, presidente da Asociación de Hostalaría de Carballo: "Penso que temos un 10 % de posibilidades de non pechar e que dentro dese 10 % imos ter algo máis de restricións dentro e fóra dos locais se non pensamos".

No Concello mostran a súa preocupación porque a maioría dos novos casos se concentren no ensino primario. Hai un colexio con 22 positivos e catro aulas pechadas en que Sanidade vai facer 300 PCR.

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo: "O colexio Fogar é o segundo de máis alumnado de Galicia e é o que ten máis casos positivos de toda Galicia".

Ademais da situación da comarca de Bergantiños, o comité clínico porá o foco no aumento de casos en Chantada. É outro dos lugares onde se poderían implementar medidas adicionais.  A evolución da pandemia mellorou na última semana nas áreas sanitaria de Ourense, Santiago e Ferrol. 

Noticias web

13/11/2020