CRTVG

Buscar

As coadas do volcán Cumbre Vieja modéranse e aínda tardarán en chegar ao mar

Publicado o 18/10/2021 20:05

Coa caída da noite é cando mellor se aprecian as bocas que se foron abrindo no volcán, e os ríos de lava que saen do Cumbre Vieja. O volcán leva 29 días activo, e non dá síntomas de que vaia remitir a erupción. Este luns houbo máis de 60 terremotos, o máis potente, de 4,6 graos.

O magma arrasou xa máis de 800 hectáreas de terreo, segundo a última medición. E levou por diante 1.700 edificios.

As dúas coadas principais avanzan en paralelo. Agora máis lentamente. Pero manteñen o seu poder destrutivo.

Miguel Ángel Morcuende, director técnico do Pevolca: "A velocidade é moi escasa, agora mesmo non chega nin a dous metros por hora. Hai unha clara perda de masa, de lava, que fai máis espesa a coada".

Este luns retomáronse as clases nos municipios afectados pola erupción, e máis de 4.000 alumnos volveron ás aulas. Recomendárono os equipos de psicólogos que traballan sobre o terreo.

"Temos que facer do noso centro un centro que acolla, que sexa reparador", di unha mestra.

Os expertos seguen tomando mostras para controlar minuto a minuto a calidade do aire na illa. Este luns empeorou, pero segue dentro dos límites aceptables.

Noticias web

18/10/2021