As cinzas do volcán cobren máis de 1.300 hectáreas de terreo

A lava do volcán que entrou en erupción hai unha semana na zona de Cumbre Vieja, na illa da Palma, cobre unhas 210 hectáreas de terreo. Porén, a área tapada polas cinzas supera as 1.300 hectáreas.
Por primeira vez desde que comezou a monitorizarse a actividade volcánica, o sistema de satélites de observación terrestre europeo, Copernicus, puido obter unha imaxe óptica sen nubes na zona, o que permitiu como novidade facilitar un cálculo da extensión do depósito de cinzas.
Grazas a esa imaxe, obtida ás 12:06 horas UTC do sábado 25 de setembro, calculou en 210,2 hectáreas a superficie cuberta polo fluxo de lava e en 1.313,9 hectáreas o depósito de cinza, que se estende cara á costa e ao suroeste do volcán.
Con esta mesma imaxe óptica, Copernicus calcula en 494 as edificacións afectadas, das que 449 se dan por derruídas. Ademais, o volcán danou 17,7 quilómetros de estradas, dos que 16,4 están destruídos.