CRTVG

Buscar

As cidades galegas seguen gañando espazo para peóns e terrazas

Publicado o 21/05/2020 21:38

Bares e restaurantes pechados e sen intención de abrir ata o cambio de fase. É a tónica na meirande parte de localidades galegas porque a actual normativa da desescalada só permite utilizar as terrazas, e para iso, ao 50 % da súa capacidade. O luns xa se poderá entrar nos establecementos, pero aínda con múltiples restriccións.

Por iso, concellos como Ourense, Vigo ou A Coruña xa autorizaron a ampliación das terrazas aproveitando o bo tempo e como medida para que a hostalería recupere clientela. Os donos dos negocios cren que esas medidas suporán, como mínimo, un alivio para a súa situación.

"É boa cousa. Aínda que só sexa por socializar. Necesitamos falar cos clientes e atendelos despois de tanto confinamento".

"Eu ainda non sei se me deixarán poñer unhas mesas aquí diante. Será cuestión de como autoricen as terrazas".

As normativas de ampliación de terrazas varían para cada concello pero todas teñen en común a obrigatoriedade de deixar un espazo para o paso de peóns que nunca será inferior a dous metros. Nas cidades pódense instalar en prazas públicas e rúas que xa eran peonís. Os horarios de peche tamén dependen da decisión de cada municipio.

No caso de Lugo, vanse peonalizar sete rúas en total e, por tanto, será preciso reorganizar o tráfico rodado nas zonas abranguidas.

Noticias web

21/05/2020