As cegoñas xa están de volta na provincia de Lugo, onde se contan máis de 500 parellas
As cegoñas xa están de volta na provincia de Lugo. É aquí onde se rexistra a maior poboación desta especie en Galicia e estímase que hai máis de 500 parellas. Hai anos regresaban en febreiro, de aí refráns como o de 'Por san Blás a cegoña verás' pero os seus patróns mudaron. Agora as primeiras comezan a chegar a finais de outubro e nestas datas os seus niños están xa a pleno rendemento.
Mentres non poñen os ovos deixan os niños e pasan boa parte do día nos prados. Os novos usos agrarios e a proliferación de vertedoiros fai que cada vez atopen máis alimento e que esta especie que nos anos 80 tiña aquí unha presenza testemuñal volvera rexurdir.
En breve comezarán a criar, unha media de tres ovos por parella e será en agosto cando marchen. Algunhas irán a África e outras quedarán xa por Andalucía.