As canas fritidas do Carballiño son Galicia Calidade
A marca Galicia Calidade incorpora un novo produto ao seu catálogo: as canas fritidas elaboradas por unha experimentada confeitería do Carballiño. Van xa pola cuarta xeración, pero seguen elaborando as canas case case coma o primeiro día.
Ata cinco mil canas ao día poden saír destes fogóns en temporada alta. E fanse unha a unha. O proceso artesán empeza coa elaboración da masa, que se fai de véspera, e remata co recheo, que non se fai ata que se venden, para que non abranden.
María José Cerviño: "A máquina que sería ideal sería facelas coma churros, pero necesítase a man de obra para que saian como saen".
O resultado, din, é froito desa experiencia e dedicación pero tamén da materia prima.
María José Cerviño: "Van con produtos moi naturais, tanto leite coma ovos, materia prima de primeira calidade. Ese é o verdadeiro segredo".
O selo de Galicia Calidade é o resultado dun exhaustivo proceso de control.
Ana Cerviño, terceira xeración: "Tes que demostrar unha calidade excelente en todo: no produto, materia prima, elaboración... Fan estudos de como traballas, que utilizas...".
Catrocentos produtos de distintos sectores, desde alimentación a xoiería, teñen o certificado de Galicia Calidade.