CRTVG

Buscar

As cámaras captan un ladrón na allada na vaga de roubos que sofre Meira

Publicado o 27/09/2019 14:14

Os ladróns asaltaron de madrugada dúas naves do parque empresarial de Meira. Nunha delas, un home introdúcese no despacho na procura de cartos. As cámaras do negocio captárono en plena acción mentres remexía na oficina e na sala onde están as máquinas de café e bebidas.

O home entrou na nave rompendo unha das pequenas ventás do lateral e volveu saír polo mesmo sitio. En total estivo dentro arredor de dez minutos. Aínda así, o botín foi cativo e só se fixo cuns 130 euros en moedas. Na nave lindeira, unha marmorería, levou outros 70 euros.Con todo, os danos causados superan os mil.

Polo feito de usar luvas e un mono de traballo, porque utilizaba a lanterna para tentar que a cámara non o gravase e pola habilidade para introducirse no local por un sitio tan estreito, a Garda Civil cre que se trata dunha banda especializada neste tipo de roubos e dáse por suposto que había un vehículo nas inmediacións agardando para fuxir. Sorprende a frialdade coa que actuou o individuo, xa que continuou varios minutos coa súa particular tarefa a pesar de que a alarma xa soara.

Ao marchar do parque empresarial tamén tentaron asaltar unha das farmacias da vila e un comercio de roupa, pero sen conseguir acceder ao interior dos establecementos.

 

Noticias web

27/09/2019