As borrascas deixarán neve e moita chuvia en Lugo e Ourense
A neve volveu tinguir de branco a montaña de Ourense e mesmo chegou a complicar por momentos a circulación nas estradas, na zona da Canda e de Padornelo no límite con Zamora. Esta mañá, a Garda Civil tivo que reter os camións en varias áreas de servizo. O paso cortouse durante unha hora e arestora xa se pode circular con precaución pola A-52.
"Estaban parando os camións porque estaba mal a estrada"; "No porto da Canda si que houbo problemas"; "Con este coche circulas ben, aos pequenos custalles máis".
Neve tamén en Manzaneda, onde é preciso o uso de cadeas para subir á estación. As frontes que varren a comunidade baixaron a cota de neve ata os 1.000 metros tanto na montaña de Ourense como na de Lugo, con acumulacións de ata 5 centímetros.
Tamén en Ourense se acadaban os rexistros máis alto de chuvia. En Entrimo recollíanse 50 litros por metro cadrado. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vixía atentamente o río Avia ao seu paso pola comarca do Ribeiro e tamén o Arnoia en Baños de Molgas. Aquí xa saíu do seu leito e asolagou baixos. Prohibido tamén o paso na zona das termas na propia cidade de Ourense.
A situación é máis tranquila na provincia de Lugo, aínda que tamén hai alerta por enchentes porque os ríos van ao límite. Na Terra Chá a auga baña xa leiras e algunha pista secundaria. O problema é que vai seguir chovendo con intensidade e isto eleva o risco de rebordamento.